A Deputación aposta pola Aula da cultura romana.

A Deputación Provincial de Lugo participa no proxecto Aula de cultura romana que desenvolve a Cohors III Lucensium, cunha axuda económica para a dotación de equipamento básico para a ambientación da nosa instalación situada no polígono do Ceao.

Dende a Asociación COHORS III LUCENSIUM, na súa preocupación por difundir o mundo da cultura romana, nace o proxecto Aula de cultura romana, co obxectivo de achegar ao público a comprensión sobre os procesos históricos máis importantes do Imperio Romano. 

Musealizar, non significa necesariamente facer museos, na Aula romana tentamos presentar obxectos patrimoniais de tal xeito que sexan accesibles física e intelectualmente ao público, converténdose a visita á mesma nunha experiencia de calidade.

Neste contexto, o proxecto de Aula de cultura romana, ten algúns obxectivos básicos:

- Revalorizar a nosa instalación, como Aula cultural romana e centro expositivo.

- Facilitar a compresión mediante elementos de sinalización e información axeitados.

- Dotar ás reproducións arqueolóxicas dun uso social e cultural que contribuirá a mellorar a súa conservación.

- Integrar a Aula, na paisaxe cultural da cidade en estreita relación co mundo romano.

- Realizar Obradoiros de recreación histórica, unha técnica de ensino-aprendizaxe que tenta reproducir un feito histórico, para que os nenos asuman o papel daqueles personaxes e que vexan os contidos baseados en modelos históricos.

 

Pretendemos organizar visitas guiadas para centros educativos, adaptando tanto o percorrido, como os contidos explicativos ás idades ou aos requirimentos que nos fagan os responsables do centro. Neste sentido a visita vai máis aló dun percorrido pola exposición, queremos que os visitantes interactúen dalgunha maneira co que os rodea, así os obradoiros ou outro tipo de representacións teatralizadas, poden complementar e facer máis amena a exposición.